A presidenta da Deputación e o alcalde inauguraron este domingo o renovado campo de fútbol Baltasar Pujales, en Bouzas, nun acto previo á celebración do partido entre o Rápido e o Choco de Redondela.
Cun investimento total de 367.365,75€, a actuación desenvolvida, que supón novo céspede entre outras moitas melloras, enmárcase no convenio de colaboración entre Deputación e Concello para a renovación de instalacións deportivas da cidade, cuxo orzamento total ascende a preto de 9,5 millóns de euros.
Carmela Silva quixo subliñar “a felicidade dun día como este no que podemos celebrar unha reforma necesaria para un campo dun dos equipos con mais traxectoria de Vigo, o Rápido, un equipo de solera que merece poder xogar nas mellores condicións“.
Silva lembrou as obras de renovación que se están a facer noutros campos municipais da cidade e desexou ao Rápido de Bouzas “que moi cedo volva a estar onde merece que é no top, no máis alto”
Pola súa banda o alcalde agradeceu á Deputación “obras como estas que mostran o seu compromiso coa cidade“ e revalidou o apoio do concello “ao Rápido, con case un século de historia, e ás veciñas e veciños de Bouzas”.
En liñas xerais, a actuación desenvolvida no Baltasar Pujales consistiu na mellora do terreo de xogo coa substitución da herba sintética do campo; na mellora dos sistemas de iluminación; na substitución do sistema de xeración de auga quente por caldeira ecolóxica de biomasa e no aproveitamento de enerxías renovables mediante sistemas de xeración de auga quente con enerxía solar.