Cultura Destacados

Empeza a rodaxe do primeiro filme sobre Moncho Reboiras

A longametraxe documental ‘Reboiras. Acción e corazón’ xa está na fase de rodaxe, após remataren os últimos aspectos da preprodución. Trátase da primeira película sobre Xosé Ramón Reboiras Noia e verá a luz no ano 2020, cadrando co 45 aniversario do seu asasinato a mans da ditadura franquista.

O filme prodúceo a Fundación Terra e Tempo e diríxeo Alberte Mera, quen reconstruirá a vida de Reboiras e o seu pensamento a través de entrevistas a máis de 15 testemuñas que partillaron diversas etapas da vida con el.

A película incluirá secuencias audiovisuais que recrearán momentos de relevancia na vida de Reboiras e que se realizarán en colaboración con Nós Produtora Cinematográfica Galega. Desta maneira, a obra comporase de entrevistas, da recreación de momentos claves e tamén de material de arquivo xa existente así como de documentos que se reúnan durante os traballos de documentación e rodaxe.

A rodaxe comezou precisamente polas entrevistas. Así, iniciáronse os traballos de filmación no concello de Teo este 9 de agosto, cunha entrevista conxunta ás dúas últimas persoas coas que Reboiras se atopaba antes de ser asasinado: Elvira Souto e Lois Ríos. Os tres estaban xuntos o 12 de agosto de 1975 nun piso de Ferrol cando se decataron da chegada da policía franquista e tiveron que emprender a fuxida.

Abren unha campaña de micromecenado 

Coma informara vigoalminuto, para facer posíbel este filme veñen de abrir na Fundación Terra e Tempo unha campaña de micromecenado para que todas as persoas que desexen colaborar poidan facer as súas doazóns a través da web https://gl.goteo.org/project/reboiras-accion-e-corazon.

También te puede interesar