Galicia

A Ribeira Sacra empeza o camiño para ser a sétima reserva da biosfera de Galicia

A Ribeira Sacra deu, este xoves, un paso firme na súa aspiración de converterse a medio prazo na sétima reserva da biosfera de Galicia.

O Concello de Pantón acolleu hoxe a presentación oficial da candidatura coa que os 23 concellos de Lugo e Ourense que abranguen o espazo conformado pola Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e Courel aspiran a conseguir este recoñecemento de carácter internacional xestionado e concedido pola Unesco.

O 34% de Galicia

Galicia xa conta con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio– que representan arredor do 25% do territorio galego.

Coa incorporación da reserva da biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a extensión protexida en Galicia baixo esta figura se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio.

O documento que avala a candidatura da Ribeira Sacra farase público mañá coa publicación no DOG do anuncio polo que se abrirá durante un mes un período de información pública para que calquera persoa ou entidade interesada en enriquecer a proposta orixinal poida facer as súas alegacións ou suxestións.

Unha vez avaliadas as achegas que se reciban nesta fase e incorporados os cambios que se estimen oportunos, o seguinte paso será remitir o documento, previsiblemente antes de que remate este ano, á Secretaría do Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, co obxectivo de obter a súa declaración definitiva no ano 2021.

18 concellos de Lugo e 5 de Ourense

A candidatura da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, abrangue unha zona que aglutina en total a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira).

Cara a Patrimonio da Humanidade

Se a candidatura presentada hoxe prospera e supera todos os requisitos e condicionantes establecidos para a súa declaración, este territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte da Unesco.

O pasado mes de abril as Montañas do Courel obtiñan a declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia. Ao mesmo tempo está  xa en marcha a iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

También te puede interesar