Galicia Vigo al minuto

@bngvigo proporá no Concello que os cargos públicos non participen, coma tales, en actos relixiosos

“Nin eu como concelleiro, nin ningún cargo institucional do BNG, participaremos da procesión do Cristo da Vitoria”, anunciou o concelleiro Xabier P. Igrexas.

Igrexas rexeitou o convite expresando o “completo e profundo respeito do BNG a todas as confesións relixiosas e as viguesas e vigueses que queira participar deste tipo de actos”.

O Bloque proporá no Concello que ningún cargo institucional participe, como tal, de ningún tipo de manifestación relixiosa. “Proporemos estabelecer o criterio de que ningún representante institucional, en calidade de tal, participe en ningún tipo de manifestación relixiosa”, explicou. Desta maneira, o Bloque quere facer “avanzar a nivel municipal a necesaria aconfesionalidade do Estado, separando a igrexa e calquera confesión relixiosa das institucións democráticas”.

Anacronismo

Para Igrexas é un anacronismo “que responde a unha tradición doutros tempos” que o Concello siga enviando convites oficiais a todas e todos os membros da Corporación municipal para participaren nun acto relixioso, como a procesión do Cristo da  Vitoria, indicándolles, expresamente, que o fagan “portando a medalla de concelleiros e concelleiras”.

“Respeitamos que calquera persoa, sexa concelleira ou non, poda participar a titulo persoal en calquera acto relixioso, faltaría máis, pero entendemos que no exercicio da representación institucional non ten ningún sentido participar nunha procesión“.

Desde a fronte nacionalista demandan que en Vigo se aplique o criterio que xa está a poñer en práctica noutros concellos, como o caso de Redondela, onde se acordou -co voto do PSOE- separar a institución municipal dos actos relixiosos. 

“Hai que respeitar, por suposto, todas as crenzas relixiosas. Mais tamén hai que respeitar as moitas persoas que lexitimamente non as temos”, remachou Igrexas.

También te puede interesar