RGPD - Cookies
Cultura Galicia

Arrinca o micromecenado para rodar o primeiro filme sobre Moncho Reboiras

Este mes comezará a rodaxe do filme documental ‘Reboiras. Acción e corazón’, unha película que chegará ás pantallas en 2020, producida pola Fundación Terra e Tempo e dirixida polo vigués Alberte Mera García.

Para facela posíbel, veñen de abrir este xoves 1 de agosto unha campaña de micromecenado para que todas as persoas que desexen colaborar poidan facer as súas doazóns a través da web https://gl.goteo.org/project/reboiras-accion-e-corazon.

As achegas realizadas a este proxecto a través da plataforma da Fundación Goteo poderán desgravar entre un 30 e un 75% do importe.

As persoas que desexen participar no micromecenado poderán escoller entre diversas modalidades de achegas (10, 20, 50, 200 ou 500 euros). En función da opción escollida, recibirán unha serie de obsequios cos que a Fundación Terra e Tempo desexa agradecer a súa implicación.

Entre os agasallos figura unha mención nos créditos do filme, un convite para asisitir a dúas sesións da rodaxe, un exemplar do filme Reboiras. Acción e corazón, xunto coa reedición do libro Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70, as Obras escollidas de Bautista Álvarez en 3 volumes, o documental Cine Clube Carlos Varela de Ramiro Ledo e a serigrafía numerada e asinada Xurdeu a luz nunha longa noite de pedra, Xove, Marzo de 2014.Trátase dunha serie limitada de 99 serigrafías da obra orixinal de Xoán Guerreiro (Xove, 1959), un dos nosos pintores máis recoñecidos no ámbito galego e internacional.

Moncho Reboiras

O filme quere construír un retrato fiel de Ramón Reboiras Noia, a última vítima mortal da ditadura franquista en Galicia, asasinado o 12 de agosto de 1975. Con só 25 anos, Reboiras sufriu múltiples disparos da policía na rúa da Terra de Ferrol. Aquel mozo de conviccións nacionalistas convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.

O réxime era sabedor das grandes habilidades de Reboiras para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego, mais o propio Moncho tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba. Este será pois o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco.

También te puede interesar