RGPD - Cookies
Cultura

Convocada a cuarta edición do ‘Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta’

A Fundación Xosé Neira Vilas acaba de convocar a cuarta edición do ‘Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta’, dirixida a obras inéditas escritas en lingua galega e destinadas a un público infantil e xuvenil.

O obxectivo deste certame é múltiple: estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega, así como proporcionar obras de calidade ao público infantil e xuvenil que lles permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela.

Os traballos, cunha extensión de entre 50 e 150 páxinas, deberán presentarse en tripla copia e de xeito anónimo na sede da Fundación en Gres (Vila de Cruces). O prazo de recepción de orixinais remata o 11 de outubro deste ano e o galardón será entregado o 3 de novembro nun acto público coincidindo coa conmemoración do aniversario do nacemento do autor de Memorias dun neno labrego.

O premio está dotado con 1.000 euros, suxeitos á retención fiscal correspondente, e a publicación do traballo seleccionado. O xurado resérvase a posibilidade de declarar deserto o certame e o seu ditame será inapelable. As bases completas están dispoñibles no seguinte enderezo web: www.fundacionxoseneiravilas.com

Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez, foi a novela galardoada na primeira edición, unha historia protagonizada por adolescentes que viven experiencias que cambiarán as súas vidas. Na segunda edición, o premio recaeu en An Alfaya por O home de negro, unha sorprendente proposta metaliteraria e autorreflexiva coa que experimentar unha lectura altamente suxestiva. O xornalista da TVG Pedro Rielo gañou a última edición con Detrás dos perdidos, un relato no que descubrir que a aventura e o misterio poden atoparse alí onde menos o agardamos. A edición dos tres libros premiados estivo a cargo de Edicións Embora.

También te puede interesar