RGPD - Cookies
Galicia

@Xunta asegura que nos primeiros 6 meses deste ano 65.883 pacientes beneficiáronse dos ‘tempos máximos’ de espera

Segundo asegura o Goberno de Galicia, un total de 65.883 persoas beneficiáronse do ‘decreto de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias’, dende a súa entrada en vigor o 10 de xaneiro de 2018 ata o 30 de xuño deste ano.

Con esta normativa o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) está a garantir 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas e/ou terapéuticas e 7 vías rápidas. Todos os pacientes foron atendidos en centros públicos dependentes do Sergas.

16.548 ciruxías

No marco do decreto de tempos máximos, o departamento sanitario galego realizou un total de 16.548 intervencións cirúrxicas. “É dicir, o 25,11% do total de pacientes que se beneficiaron da entrada en vigor desta normativa tiveron garantido un tempo máximo de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de 60 días para intervencións cirúrxicas, tal e como fixa a norma”, sinalan dende Sanidade. E, neste caso, non chega a un 1% (0,70%) a porcentaxe de pacientes que foron derivados dun centro do Sergas a outro centro da rede asistencial pública, tras ofertarlles esta posibilidade.

24.829 consultas

O texto normativo tamén fixa un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e 45 días para as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas en atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente. Así, neste ano e medio beneficiáronse 24.829 pacientes en consultas (o que representa o 37,69% sobre o total de pacientes beneficiados co dereito de garantías de tempos máximos)  e 24.506 en probas, (o que supón o 37,20% sobre o total dos beneficiados).

“Nos seis primeiros meses da entrada en vigor do decreto (do 10 de xaneiro de 2018 a 30 de xuño do mesmo ano), o número de pacientes beneficiados foi de 21.792”. No primeiro semestre de 2019 a cifra de beneficiados incrementouse nun 2,4%, é dicir 541 pacientes máis, sumando un total de 22.333.

Probas diagnósticas

As probas diagnósticas “son as que reflectiron un maior incremento, 717 persoas máis”, pasando de 7.856 pacientes beneficiados no primeiro semestre de 2018 a 8.573 nos primeiros seis meses de 2019, o que supón un incremento do 9,1%. En consultas o incremento foi de preto do 1%, sumando un total de 8.453 pacientes beneficiados nos seis primeiros meses deste ano.

También te puede interesar