Comarcas

Nigran dispón no río Muiños a primeira ‘biobarda’ de Europa contra a contaminación

Nigrán conta dende esta semana, no río Muíños ao seu paso por Porto do Molle, coa primeira ‘biobarda’ contra a contaminación de Europa, fabricada pola Asociación do Monte Galego de xeito experimental e co obxectivo de recolectar os residuos flotantes, entre os que destacan os plásticos.

Esta barreira, construída artesanalmente con grandes botellas de plásico reutilizadas, rede e cordas, xurdíu en Guatemala no 2017 co obxectivo de reducir a cantidade de desperdicios que chegaban a Honduras polas canles dos ríos, confirmándose unha retención do 95%.  Agora da o seu primeiro salto a Europa en Nigrán, onde precisamente ten a sede a Asociación do Monte Galego, xurdida na parroquia de Camos tralos incendios de 2017.

Apoio do Goberno local

A iniciativa presentada por esta entidade está apoiada polo Goberno local, xa que precisamente este verán instalou recolle-cabichas artesanais nas praias e impulsou a primeira campaña municipal de concienciación  #SanXoanSenLixo.

“As nosas políticas teñen ao medioambiente como prioridade, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán sexa a porta de entrada a Europa das biobardas, unha trampa de escasísimo custe económico e cunha eficacia contrastada”, sinala o alcalde, Juan González, quen precisamente é responsable da primeira concellería de Galicia  ‘Axenda 2030-Obxectivos do Desenvolvemento Sostible’, axenda da ONU que inclúe moitas medidas medioambientais que Nigrán quere reforzar dende a política local.

O obxectivo da Asociación do Monte Galego  é que tras instalar esta primeira biobarda artesanal de xeito experimental -para a que obtiveron os pertinentes permisos de Augas de Galicia- poidan presentar o seu funcionamento e resultados ao Goberno galego e á Confederación Hidrográfica para que se extenda o seu uso.

También te puede interesar