'Qué te cuentas?' Destacados

Os machistas matan máis nestes meses: 40 mulleres asasinadas nos tres veráns pasados e 11 no que vai deste

A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller de Galicia(ASOCIM) sinala que cos asasinatos machistas de Calpe (Alicante) e Vilalba xa son 1.009 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas desde 2003 e 34 no que levamos de 2019.

Estes asasinatos subliñan o feito de que “durante a época estival obsérvase unha preocupante tendencia: o aumento dos crimes machistas”. Nos meses de xuño, xullo e agosto de 2016, 2017 e 2018, un total de 40 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, segundo recollen as estatísticas da Delegación do Goberno para a Violencia Machista.

“Concretamente, o pasado ano durante este período contabilizáronse 19 crimes machistas e este verán, aínda con xullo por finalizar, xa son 11 os casos”.

Aque se debe este aumento? Segundo Miguel Lorente, ex delegado do Goberno para a Violencia de Xénero, varios factores inflúen no incremento de asasinatos machistas no verán, causas que facilmente poden darse noutras épocas do ano de similares características como o Nadal.

Llorente destaca que o “descenso do ritmo laboral ou o cese da actividade mesma pode levar a que vítima e agresor pasen máis tempo xuntas e, polo tanto, a que a violencia que se viña exercendo ata ese momento aumente, así como os conflitos vencellados á convivencia con outros membros da familia. No caso das ex parellas, as rutinas vense suspendidas polas vacacións algo que o maltratador pode interpretar como perda de control sobre a vítima levándoo a reforzar máis a presión e o control”.

Tendo en conta a confluencia de feminicidios durante estes meses, ASOCIM  reclama o reforzo de todos aqueles servizos dirixidos a atención e protección das mulleres especialmente no verán, época na que varios dos factores presentes de forma perenne na problemática da violencia de xénero vense reforzados; o que supón un aumento da vulnerabilidade das vítimas -mulleres e menores-.

Os Centros de Información á Muller

Actualmente hai máis de oitenta CIM distribuídos por toda a xeografía galega, son espazos de referencia nos que as mulleres atoparán asesoramento e acompañamento da man dun cadro de persoal especializado e multidisciplinar que abordará as súas necesidades desde a intervención social, a axuda psicolóxica e a orientación xudicial.

También te puede interesar