Vigo al minuto

@MareaVigo esixe que se cumpra o mandato da Corporación e se amplie o servizo de socorrismo a 4 meses

Marea de Vigo vén de denunciar que o Goberno local non cumpriu a moción aprobada no Pleno do Concello que instaba á ampliación dos horarios do Servizo de Salvamento e Socorrismo e que actualmente cubre 10 praias da Cidade dende o 15 de xuño ate o 15 de setembro.

A Corporación estivo dacordo en ampliar o servizo cando menos do 1 de xuño ao 30 de setembro e ás fins de semana durante os meses posteriores de existir afluencias notables de bañistas nos areais vigueses.

Este servizo municipal externalizado e rexido polo prego concesional foi outorgado á empresa MOVE Servizos de Ocio. “Un servizo que toma máis importancia cada ano dado o notable incremento do número de intervencións que se dan por tempada”. Sirva coma exemplo, indican dende Marea de Vigo, que o pasado verán contabilizáronse 4.329 intervencións e 60 evacuacións a centros hospitalarios, “dúas cada tres días”.

A xuízo de Marea de Vigo, “lamentablemente os acordos do Pleno non se levaron adiante e seguen os mesmos horarios de campañas anteriores” e, por desgraza, e “tal e como denuncia o persoal,  con situacións laborais e de recursos materiais precarios que obrigaron a convocar as mobilizacións a partir deste sábado”.

“Vigo é a cidade de España onde máis tarde finaliza o verán e onde máis se están incrementando os días estivais e polo tanto, e dada a importancia dun Servizo Público como o de Salvamento e Socorrismo é á luz destes datos, entendemos que a ampliación deste servizo se trata dunha necesidade pública, polo que é preciso pasalo de tres a catro meses, garantindo así unha correcta atención ás persoas usuarias das praias da nosa cidade”, indican dende Marea de Vigo.

O grupo municipal insiste en que ten que ir “acompañado do estrito cumprimento das obrigas laborais que emanan do convenio colectivo de aplicación cara as e os traballadores do servizo”.

También te puede interesar