Comarcas

@depo_es colaborará con ‘Mulleres no Sector Público’ no eido da visibilización, formación e igualdade

A presidenta da Deputación de Pontevedra mantivo un encontro con directivas da Asociación de Mulleres no Sector Público para impulsar liñas de colaboración e proxectos conxuntos para visibilizar ás mulleres no sector público e apostar pola formación en materia de igualdade.

Para Carmela Silva esta asociación de recente creación “é un orgullo e un referente nun campo tan importante como o sector público, que xestiona os recursos de todas e de todas, e que impulsa as iniciativas que están a transforman ás sociedades”.

Por iso, engadiu a presidenta do organismo provincial, “penso que a idea de asociarse é moi positiva, porque tiñamos que ter aquí presenza organizada para permitir ás mulleres do eido público visibilizarse, dar a coñecer o que se fai, o inxente traballo que se desenvolve, a creatividade e enxeño das traballadoras públicas, e loitar pola igualdade, así como traballar para que acaden postos de dirección”.

Silva pechou xa liñas de colaboración que se irán desenvolvendo ao longo da lexislatura. Así, vaise crear un mapa das mulleres do sector público de Pontevedra, analizando a presenza que teñen en todas as administracións da provincia, especialmente nos postos de maior responsabilidade. Neste eido, a presidenta remarcou que “xa o fixemos co mundo audiovisual, a través do programa “Cinema e Muller” que puxo en valor a todas as grandes mulleres que están a traballar no mundo audiovisual. Pensamos que ter cifras e datos reais nos vai permitir tomar decisións máis axeitadas e apreciar a verdadeira realidade do público, así como tamén visibilizar ás mulleres que están a traballar neste sector”.

Por outra banda, e tamén en colaboración coa Asociación de Mulleres no Sector Público, vaise impulsar unha rede de expertas en diferentes temas. A través desta rede preténdese crear unha axenda de eventos e actos, nas que participen profesionais especializadas en determinados campos de traballo e poidan servir de exemplo a outras mulleres e de inspiración ás mozas.

Finalmente, ambas entidades avanzaron tamén na colaboración no eido da formación. Neste eido, a presidenta formulou a posibilidade de impulsar algunha xornada no marco da Escola de Igualdade María Vinyals ou da cátedra de Feminismo da Universidade de Vigo.

También te puede interesar