Galicia Vigo al minuto

Sanidade empeza a administrar este luns a vacina contra o papiloma ás nenas galegas de 12 anos

A Consellería de Sanidade comezará a administrar a nova vacina nonavalente contra o virus do papiloma humano (VPH) ás nenas galegas de 12 anos a partir deste, luns, 22 de xullo.

Esta nova vacina substitúe no calendario infantil á vacina bivalente que se está a administrar na actualidade, xa que aporta un 10% máis de prevención de casos de cancro, ao protexer de forma directa fronte a 7 xenotipos oncoxénicos, e ademais protexe das verrugas xenitais.

Deste xeito, e segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública, as nenas que cumpran 12 anos, e que aínda non tiveran iniciada a vacinación fronte ao VPH, recibirán dúas doses da nova vacina nonavalente, cun intervalo mínimo entre ambas de cinco meses. Se a pauta se inicia nas maiores de 14 anos, as doses a recibir serán tres.

En pautas xa iniciadas, o departamento sanitario recomenda finalizar a vacinación coa mesma vacina, sempre que sexa posible. En caso contrario, administrarase a vacina nonavalente para finalizar o réxime de vacinación incompleto, seguindo as pautas marcadas en cada caso por Sanidade.

Ademais, seguindo as recomendacións de vacinación de grupos de risco de todas as idades, o Servizo Galego de Saúde amplía ata os 45 anos a indicación da vacina nonavalente fronte ao VPH nas persoas con VIH, en homes que teñen sexo con homes, en persoas en situación de prostitución e en mulleres con transplantes de órgano sólido (TOS) ou de proxenitores hematopoéticos (TPH).

Así mesmo, se recomenda a administración da vacina en mulleres, de calquera idade, con tratamento excisional de cérvix. En todos estes casos, a pauta de vacinación será de 3 doses, independentemente da idade.

As vacinas deberán solicitarse seguindo o procedemento habitual e axustándose ás necesidades da poboación de 12 anos usuaria do punto de vacinación e á demanda para a poboación en risco desta enfermidade.

También te puede interesar