RGPD - Cookies
Comarcas

‘Por un monte galego con futuro’ desminte a propaganda da Xunta sobre o Plan de Incendios

Representantes da plataforma “Por un monte galego con futuro” conformada por organizacións ecoloxistas, sindicais e do mundo rural desmentiron este xoves en rolda de prensa, a propaganda institucional montada pola Xunta arredor do Pladiga (Plan de Prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia 2019).

Os responsábeis da plataforma denunciaron que o Goberno galego “leva 12 anos sen se cumprir” e cualificaron o plan como de “fomento da extinción, fronte a prevención dos lumes forestais”.

Para ilustrar a súa denuncia presentaron unha infografía na que se recollen os datos que a Xunta de Galicia non contempla na súa propaganda e que evidencian o estado no que se atopa realmente o rural e os montes galegos.

500.000 hectáreas de eucaliptais

Así subliñaron que hai xa 500.000 hectáreas de eucaliptais, das que 300.000 están ocupando terras agrarias. Unha especie pirófita que no Plan Forestal que está a revisar a Xunta se pretende promover aínda máis coa ocupación doutras 35.000 hectáreas

Por iso reclamaron, entre outras cuestións, que as administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta “o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático e, que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras”.

Sobre a mesa puxeron ademais propostas concretas como a demanda dunha moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptuse prohibición na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos); a prohibición das novas plantacións de Eucalyptusnitens e de repoboacións con robinias, acacias, pawlonia e bambús, e outras especies invasoras e a erradicación destas na RGEP.

Ademais reclamaron un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, hortensias, bambús, crocosmias e outro de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.

Cero efectivos facendo labores de prevención todo o ano

Os representantes de “Por un monte galego con futuro” rexeitaron as inxentes cantidades de fondos públicos destinadas á “industria do lume” en Galicia, mentres que hai “cero efectivos facendo labores de prevención todo o ano”.

Labores de prevención que a Xunta fai recaer sobre os concellos, mentres elude establecer unha planificación e políticas que favorezan realmente esa prevención fronte os incendios forestais como “a creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que permita a multifuncionalidade do monte”.

Xunto a isto propuxeron a recuperación dos 100 metros de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes, favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade; a xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos nos que os titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico ou a ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100 metros por cada 50 hectáreas de eucaliptos, e de 50 metros  por cada 50 hectáreas de piñeiros.

Plans de prevención

Para a plataforma os plans de prevención de incendios deben elaborarse a nivel de Distrito, facendo os Concellos as adaptacións territoriais necesarias e o PLADIGA ten que ser de carácter anual, aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación e establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais.

Para iso, apostan pola creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios.

También te puede interesar