RGPD - Cookies
Deportes Destacados

#Handtastic Vigo e Pontevedra capitais do balonmán dende este martes co Campionato do Mundo Júnior 2019

Todo está xa preparado para acoller o Campionato do Mundo de Balonmán Júnior 2019, que converte desde este martes  a Pontevedra e Vigo nas capitais mundiais deste deporte ata o 28 de xullo, día no que a cidade viguesa acollerá a gran final.

Na primeira xornada do torneo, que supón a estrea para as 24 seleccións participantes, o debut da España de Isidoro Martínez terá lugar no Municipal de Pontevedra ás 21.00h, cun partido no que os #HispanosJúnior xogarán ante os Estados Unidos.

Amais do partido, celebrarase o acto inaugural, no que participará a presidenta da Deputación de Pontevedra, @carmelasilva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da IHF, Hassan Moustafa, e o presidente da RFEBM, Francisco Blázquez.

400 deportistas

Carmela Silva, subliñou que “estamos a falar dun gran evento no que van participar 400 deportistas, decenas de técnicos e ata onde se desprazarán numerosas televisións de todo o mundo, convertendo á provincia no centro mundial dun deporte do que somos líderes”.

Neste eido Silva destacou que “o balonmán é un deporte moi practicado na provincia, e sendo unha referencia en moitos momentos da nosa historia nos que chegamos a ter a ata catro equipos na Asobal o que nos converteu na milla de ouro do balonmán español”. 

https://twitter.com/depo_es/status/1150856378791157765

92 partidos retransmitidos en directo

A partir de hoxe e durante 13 días celebraranse un total de 92 partidos, todos eles emitidos en streaming, que rematarán o domingo 28 de xullo coa gran final, que servirá para coroar ao equipo que recolla a testemuña da selección española que levantou o título en Arxelia en 2017.

Todos os partidos dos #HispanosJúnior durante o torneo serán retransmitidos por Teledeporte e pola TVG. Para este importante evento, que ten a consideración de acontecemento de excepcional interese público, chegarán á provincia máis dun centenar de xornalistas de máis de 11 países diferentes e amais de España, outros 17 países, como Francia, Alemaña, Hungría, Exipto ou Tunisia, mercaron os dereitos televisivos do Mundial.

A selección española, en Vigo

Na primeira ronda, tras o partido ante os Estados Unidos, España trasladarase a Vigo, onde xogará ante Tunisia (xoves 18 de xullo ás 21.00h), Serbia (venres 19 de xullo ás 21.00h), Xapón (domingo 21 de xullo ás 21.00h) e Eslovenia (luns 22 de xullo ás 21.00).

Así quedan os grupos

Os grupos desta fase preliminar están configurados da seguinte maneira:

Grupo A (Vigo): Eslovenia, España, Serbia, Tunisia, Estados Unidos e Xapón.

Grupo B (Vigo): Francia, Exipto, Suecia, Nixeria, Australia e Corea do Sur.

Grupo C (Pontevedra): Portugal, Croacia, Hungría, Brasil, Kosovo e Bahrein.

Grupo D (Pontevedra): Alemaña, Islandia, Noruega, Arxentina, Chile e Dinamarca.

También te puede interesar