Vigo al minuto

Concello e procuradores colaborarán para evitar desafiuzamentos en Vigo

O Goberno local, a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e o Colexio de Procuradores de Vigo asinarán un convenio que permitirá  que o Concello reciba aviso, o antes posible, sobre eventuais desafiuzamentos de vivendas na cidade.

Abel Caballero recibiu este luns ao decano do Colexio en Vigo, José Antonio Fandiño, e á vicedecana, Gisela Álvarez, no que trataron a situación dos xulgados na cidade e os casos de desafiuzamento.

“As veces coñecemos o problema o mesmo día do desafiuzamento e non podemos reaccionar, necesitamos máis tempo e este convenio permitiría ter 15 ou 20 días para actuar“, apuntou o alcalde.

O Concello parou “15 desafiuzamentos ao mes”

O Concello, segundo explicou Caballero, “interviu e parou durante este 2019 unha media de un desafiuzamento cada dous días -15 ao mes- na cidade”, aportando achegas ao aluguer ou alternativas habitacionais como pensións ou pisos.

Caballero engadiu que o Goberno local adxudicou en 6 meses -de xaneiro a xuño de 2019- máis de 350.000€ a 824 familias para evitar lanzamentos e en concepto de achegas de emerxencia para facer fronte a gastos de alugueiro, alimentos, subministros (gas, luz ou gastos de farmacia).

Segundo o alcalde, en 2018, as axudas do programa de emerxencia social sumaron un total de 842.000€ para alimentación, aloxamento, alugueiro, auga, gas, gastos de farmacia, luz, mobiliario, gastos persoais ou gastos de primeira necesidade.

También te puede interesar