Comarcas Destacados

Primeiros problemas pola falla de médicos en verán nos centros de saúde de Oia, O Rosal e As Neves

Os profesionais da sanidade pública denuncian que “apenas acaba de iniciar o período estival” e en varias zonas da provincia, como Oia e O Rosal, “que teñen un aumento exponencial de poboación por mor do turismo”, e xa hai cupos médicos con máis dunha semana de agarda para unha cita ordinaria.

É o que acontece, sinalan dende a CIG, no centro de Saúde da Guarda e preto xa de dúas nalgún cupo do Rosal, unha situación que prodúcese “pola falta de cobertura de vacacións e baixas”.

A esta situación súmaselle a do Punto de Atención Continuada (PAC), que conta cun só equipo asistencial médica-enfermeira para as urxencias que se xeran na Guarda, O Rosal e Oia. “O incremento de traballo neste servizo no verán é importante debido ao aumento de poboación e comezase a notar o incremento de traballo derivado tamén destas listas de espera en atención primaria”.

A situación “é grave mais cando é frecuente a ausencia do único equipo sanitario da zona por mais de dúas horas en caso de ter que atender a algún paciente durante o traslado en ambulancia ate o hospital de referencia”.

O mesmo en As Neves

No concello de As Neves nunha reunión celebrada o pasado día 1, entre o persoal do Centro de Saúde, o alcalde e a concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, identificáronse as deficiencias de persoal médico que afectarán a atención a pacientes durante todo o verán.

“Das tres médicos cos que conta actualmente o cadro de persoal, só van prestar servizo dúas delas durante estes meses de verán, ao non ser substituído este persoal no seu período vacacional”. Isto supón que as agardas para citas médicas van ser, como mínimo, duns 20 días a partir da súa petición.

Doutra banda, traerá como consecuencia que as veciñas e os veciños van ser atendidos por distintos facultativas, que, ademais, ocasiona un problema para ambas partes, “como descoñecemento da problemática do paciente e do seu historial, falla de seguimento na historia clínica ou aumento de traballo no mesmo horario”.

Tamén no Centro de Saúde das Neves, o servizo de Pediatría non será substituído no mes de xullo, “sendo derivado á A Cañiza, na dirección contraria ao lugar onde se atopa o hospital de referencia, Vigo, o que supón unha perda considerable de tempo no caso dunha urxencia e un total contrasentido”.

O persoal do Sergas transmitiu ao alcalde que “este problema non é puntual por ser época de vacacións, senón que se ven repetindo desde hai varios meses,” cando se produce a ausencia dun médico por outros motivos.

También te puede interesar