Galicia Sucesos

#Lume Este luns, día 1, comeza a campaña de alto risco de incendios

Está operativo o número de teléfono anónimo e gratuíto de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085

A campaña de alto risco de incendios forestais comeza este luns, 1 de xullo, en Galicia, e estenderase ata o 30 de setembro.

Isto supón a suspensión automática dos permisos de queimas agrícolas e forestais. Esta prohibición poderíase prolongar dependendo das condicións meteorolóxicas do momento.

Como novidade deste ano, xa está operativo o número de teléfono anónimo e gratuíto de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085.

O Goberno de Galicia pide “á sociedade galega en xeral que manteña o seu compromiso na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas a través deste servizo ou directamente comunicando este tipo de condutas delituosas ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

A maiores, o Goberno galego lembra que tamén está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal. Failles tamén unha chamada a todas as persoas que se acheguen ao monte nestas datas para que extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.

Dendeeste luns refórzase o dispositivo establecido no ‘Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2019’.

Segundo a Xunta, este ano o operativo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, entre persoal da administración galega, dos concellos, do Ministerio, do Exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A eles súmanse unha trintena de medios aéreos e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

También te puede interesar