RGPD - Cookies
Galicia

As axudas da Xunta ao galego nos centros públicos non chegan a 3€ por alumno ao ano

A CIG informa de que no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste xoves pasado, 27 de xuño, “un mes máis tarde que no curso escolar anterior”, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos galegos.

As axudas ascenden a un total de 299.979€ e “limítanse a cubrir o 19,8% das contías solicitadas polos colexios e institutos públicos do país, unha cifra que ascendía a 1.516.410€”.

Dende a CIG Ensino subliñan que “mais se xa é escandalosa a cifra global que se achega para fomentar o uso do galego aínda é máis significativo contemplar que implica para cada centro esa axuda”.

Hai 295 centros que reciben menos de 1€ por cada alumno ou alumna do plan solicitado, sendo a contía mínima 0.07€/alumno. Só hai dous centros que reciben 20€ por alumna e a maioría reciben menos de 3€, ficando o promedio en 2,29€. “Pode alguén pensar que se fomenta o uso do noso idioma cun investimento de 2€ por cada alumno ou alumna dun centro educativo?”

CIG-Ensino denuncia “novamente” o nulo interese da Xunta polo apoio ao noso idioma, tanto no que atangue ao financiamento dos programas de fomento da nosa lingua como en toda a normativa que desde “hai case unha década porfía en desmantelar o noso idioma”.

A consideración do galego como unha lingua subordinada ao respecto do castelán, presente na propia discriminación legal fomentada pola Xunta, está detrás da perda acelerada de galego falantes entre as crianzas e a mocidade galega.

También te puede interesar