Cultura Vigo al minuto

Educación premia os proxectos emprendedores dos estudantes vigueses Breogán Ballesteros e Mario García

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu este luns a entrega dos premios do ‘Programa Atrévete’, enmarcado no Plan de Emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende.

Un total de 43 estudantes resultaron galardoados na convocatoria correspondente ao curso 2018/19 neste certame, que ten como obxectivo fomentar, motivar, e sensibilizar no espírito emprendedor o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO dos centros sostidos con fondos públicos.

Dous dos premiados foron os estudantes vigueses Breogán Ballesteros Pérez, do CEIP Eduardo Pondal, polo proxecto ‘Pingalzheimer’, e Mario García Rodríguez, do CEIO Plurilingüe Pintor Laxeiro, por ‘Antibulling’.

Ao longo do curso o alumnado participante, acompañado do seu profesorado, participou en actividades de fomento do emprendemento, que incluíron visitas ás 25 empresas e 11 asociacións empresariais colaboradoras nesta edición. Deste xeito, ademais de achegarlle ao alumnado o tecido industrial da súa contorna, a iniciativa permítelle coñecer de primeira man a experiencia de empresarios e persoas emprendedoras. Así mesmo, as alumnas e os alumnos, guiados polos seus docentes, realizan exercicios na aula arredor de conceptos como a motivación, a autoestima, a comunicación, a toma de decisións, o traballo en equipo, a responsabilidade ou a creatividade, entre outros. Para o desenvolvemento do programa contouse tamén coa colaboración de 11 IES e CIFP.

Unha vez realizadas estas actividades, os estudantes participan no certame presentando unha boa idea de negocio, de forma individual, redactada como máximo en dous folios.

 

También te puede interesar