Comarcas

@depo_es lembrará as 1.000 mulleres asasinadas polas violencias machistas, dende o luns cos seus nomes en dúas grandes lonas

A presidenta da Deputación, confirmou este venres que o vindeiro luns, día 17, o organismo provincial pendurará dúas grandes lonas cos nomes das 1.000 mulleres asasinadas polas violencias machistas dende o 2003, ano no que comezaron a existir estatísticas.

O acto, que está programado para as 12:00 horas, “será unha acción activa e colectiva contra a violencia de xénero que asasina ás mulleres cuxos nomes non poden caer no esquecemento ante unha situación tan grave e dramática”.

Carmela Silva tamén quixo expresar hoxe a súa “profundísima indignación co Partido Popular, con Ciudadanos e con Vox por decidir que as leis que loitan contra a violencia machista vanse chamar leis de violencia intra-familiar”.

“Alucinante”, asegurou a presidenta, “porque dicir que a lei contra a violencia de xénero ten que ser unha lei intra-familiar é dar un paso atrás intolerable que as mulleres non lle imos consentir”, engadiu.

Silva salientou que, ante esa decisión, “as mulleres imos saír ás rúas e, cando salgamos, que trema o mundo. Non imos consentir nin un paso atrás porque non hai nada máis importante que a loita polos dereitos das mulleres”, subliñou.

“Somos máis da metade da poboación pero parece que o PP, Ciudadanos e Vox aínda non o saben. Por iso imos ser nós as que lideremos a loitas contra estes partidos.”, concluíu.

También te puede interesar