Galicia

Convocada unha manifestación entre Marín e Pontevedra en contra da permanencia de ENCE na ría

O vindeiro domingo 16 de xuño ás 12 h. unha nova mobilización percorrerá a chamada autovía entre Marín e Pontevedra en contra da permanencia de ENCE na Ría. “A empresa de pasta de papel debería ter abandonado os terreos de dominio público que ocupa na actualidade en xullo de 2018, como sinalaron as institucións xudiciais”, indican os organizadores.

A fábrica de ENCE en Lourizán, emprazada en terreos de dominio público, “estaba obrigada a abandonar a ocupación da ría en xullo 2018, tal como esixía a Lei de Costas de 1988. Porén, a reforma da Lei en 2013 abriu a porta á ampliación das concesións e tres anos despois, en xaneiro de 2016, o goberno en funcións de Mariano Rajoy prorroga a concesión a ENCE ata 2073, unha decisión que tanto Greenpeace como a APDR consideraron cando menos irregular.

APDR e Greenpeace presentaron senllos recursos diante da Audiencia Nacional contra a devandita orde para evitar que Ence Enerxía e Celulosa S.A. permanezan na ría de Pontevedra outros 60 anos.

As dúas organizacións consideran que a empresa desenvolve unha actividade industrial incompatible co medio ambiente e que non entra dentro dos usos reservados para unha posible prórroga en terreos de dominio público marítimo-terrestre, tal e como se establece no Artigo 31.2 da Lei de Costas, polo que o Ministerio non debería concedela.

En 2019 o Goberno anuncia que non seguirá adiante na defensa da prórroga da concesión de ENCE diante dos tribunais.

Segundo Antón Masa, presidente da APDR, a decisión da Dirección Xeral de Costas, ratificada posteriormente pola Avogacía do Estado, fundaméntase en dous argumentos inapelables; por unha banda, o feito de que “ningunha instalación pode permanecer en domino público máis de 75 anos”, un prazo que se vería amplamente superado tras a prórroga de 60 anos a ENCE, e por outro -o que é aínda máis salientable- que “as prórrogas se reservan para aquelas instalacións que pola súa natureza teñan que estar en dominio público marítimo-terrestre”, unha condición que non é de aplicación á pasteira de Lourizán.

“Greenpeace defende que a reforma da Lei de Costas realizouse en contra dun ben público e do medio ambiente, polo que a extensión da ocupación de Ence na ría de Pontevedra durante 60 anos máis sempre foi ilegal. Celebramos que o Estado recoñeza o valor deste terreo público e confiamos en que a xustiza e o Estado de Dereito resolvan en favor da preservación do medio ambiente”, declarou Paloma Nuche, responsable da campaña de Costas de Greenpeace.

Dende Greenpeace e APDR anímase a toda a sociedade galega a participar na Marcha contra Celulosas do próximo domingo 16 para visibilizar e denunciar publicamente esta inxustiza histórica en Pontevedra. Así mesmo, ambas as dúas organizacións demandan á Xunta de Galicia que o novo Plan Forestal deixe de favorecer á industria celulósica e estableza unha moratoria de novas plantacións do xénero Eucalyptus, como xa demandaron numerosas forzas sociais e políticas galegas.

También te puede interesar