Destacados

@bngvigo considera “inaceptábel” que Sanidade deixe sen pediatra en verán a Coruxo e Matamá

“Inaceptábel”. Está é o opinión de Xabier P. Igrexas, concelleiro electo do BNG sobre o feito de que un verán máis o Servizo Galego de Saúde deixe sen consulta de pediatría durante varias semanas os centros de saúde de Coruxo e Matamá.

O Bloque subliña que esta decisión “provoca un claro prexuízo para as crianzas e familias desas dúas parroquias, ao non teren consulta no seu centro de saúde de referencia”, pero que tamén se traducirá nunha “sobrecarga” dos e das pediatras de Navia e Sárdoma, a onde serán derivados. Ambos os dous centros xa teñen demandando o reforzo de medios e persoal, e que no caso de Navia xa presenta importantes demoras nas citas do servizo de pediatría e que aumentando o número de crianzas a atender só aumentarán.

“A falla de previsión e de planificación, e a política de continuados recortes sanitarios que aplica a Xunta do Partido Popular,volve deixar sen pediatría dúas parroquias da cidade”, denuncia o edil nacionalista. Emporiso, urxen á xerencia da área sanitaria a rectificar a mal chamada “reorganización” estival, asegurando que “non podemos admitir como algo inevitábel que se prive de pediatra durante semanas a moitas familias viguesas”.

Igrexas quixo, no entanto, “recoñecer o esforzo que están a realizar os e as profesionais sanitarias” que “poñen todo da súa parte para, malia os recortes do PP, ofrecer a mellor atención posíbel”.

Desde o BNG insisten en reclamar ao Goberno de Galicia que atenda o “clamor social” que esixe unha mudanza radical da súa política sanitaria coa que xoga coa saúde das viguesas e dos vigueses. Un clamor que, subliñou Igrexas, a cidadanía lle fixo chegar con claridade na debacle electoral do PP nos comicios municipais do pasado 26 de maio.

También te puede interesar