Comarcas

As enfermidades máis habituais en Nigrán son as respiratorias e as mortes prodúcense máis por cancro e por doenzas cardiovasculares

Nigrán dispón dun diagnóstico xeral de saúde actualizado da súa poboación. É un estudo pioneiro realizado polo persoal sanitario do Centro de Saúde Val Miñor e supón a actualización doutro traballo inicial, de características similares, que se realizou hai 30 anos.

A investigación analíza as distintas variables sociosanitarias dos residentes do municipio e achéganse os datos de actividade dos centros asistenciais da zona, así como a evolución das prestacións sanitarias.

Os coordinadores do traballo son a doutora Concepción  Nogueiras, que xa coordinou o estudo anterior, e o enfermeiro Francisco Represas, ambos os do Centro de Saúde Val Miñor.

Máis de 20.000 tarxetas sanitarias

O municipio de Nigrán ten 20.512 tarxetas sanitarias, das que 12.721 son atendidas no Centro de Saúde de Val Miñor e o resto, 7.791, no Centro de Saúde de Panxón. A cifra global significa que o número tarxetas case duplicou, nestes 30 anos, ao de cartillas que había cando se realizou o primeiro estudo.

As infeccións respiratorias, principal causa das consultas

Os tres motivos de consultas máis frecuentes son as relacionadas con infeccións respiratorias, 6.750 casos ao ano; os trastornos do metabolismo lípido, 4.574 casos; e as que teñen que ver con receitas e medicación, 4.108. Por contra, as que tiveron menor número de casos son as analíticas, as relacionadas con infeccións de ouriños e os trazados eléctricos e  electrocardiogramas.

En canto ás causas máis frecuentes de incapacidade laboral transitoria no municipio destacan as patoloxías óseas, as respiratorias e as psiquiátricas. Os coordinadores do traballo inciden en sinalar “o rechamante aumento experimentado co paso dos anos no número de incapacidades por causas psiquiátricas -estrés, ansiedade ou depresión-”.

No PAC Val Miñor producíronse 31.354 atencións anuais, das que se derivaron ao hospital un 10,9%. Unha porcentaxe que está nos parámetros medios da área sanitaria de Vigo no ano 2017, que foi cando se computaron os datos que agora se presentan no estudo.

O maior número de receitas prescritas, 97.456, correspondeu a patoloxías do sistema nervioso, seguido de enfermidades do sistema cardiovascular, 86.179.

E as causas máis frecuentes de mortalidade son en primeiro lugar os procesos oncolóxicos e en segundo, os cardiovasculares.

También te puede interesar