Galicia

As rupturas matrimoniais aumentan en Galicia un 36,5 por cento no primeiro trimestre do ano

O número de demandas de ruptura matrimonial -separacións e divorcios- presentadas en Galicia no primeiro trimestre do ano foi de 1.618, fronte ás 1.185 que se rexistraron no mesmo período do ano pasado, o que supón un aumento do 36,5 %, fronte ao 1,2 % de incremento de media estatal.

Dende o Tribunal Superior e Xustiza de Galicia (TSXG) sinalan que a baixada débese, “polo menos en parte”, á folga de funcionarios que desde febreiro ata maio afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza na nosa comunidade.

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2018 por cada 10.000 en Galicia rexistráronse 6 demandas no período estudado, fronte ao 6,3 de media estatal.

Segundo os datos difundidos este mércores pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, en Galicia aumentan os divorcios consensuados (de 628 a 846, un 34,7 %) como os non consensuados (de 520 a 709, un 36,3 por cento). En relación ás separacións consensuadas, pasaron de 28 a 44 no primeiro trimestre do ano, mentres que as non consensuados pasaron de 9 a 19. Neste período rexistráronse dúas peticións de nulidade matrimonial.

Garda e custodia

Nos tres primeiros meses do ano rexistrouse tamén unha subida interanual tanto nos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, como nos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio.

Así, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo pasados iniciáronse 168 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 55,6 % máis que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 387 a 439, un 13,4 por cento máis.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 168 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 108 do primeiro trimestre de 2018, o que supón un aumento do 55,6 %; e 439 demandas de modificación de medidas non consensuadas (387 o ano pasado), o que representa unha subida interanual do 13,4 %.

También te puede interesar