'Qué te cuentas?' Cultura

@depo_es oferta 33 contratos laborais por medio de ‘O teu primeiro emprego’

19 son para graduadas e graduados e 14 para tituladas e titulados en ciclos superiores

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa “O teu primeiro emprego”, neste caso para a propia institución provincial. O programa substitúe ao antigo Plan de Práctica Laboral, que converte as bolsas en contratos en prácticas.

O obxectivo deste programa é facilitar que os titulados e tituladas universitarias e de ciclos superiores sen experiencia laboral previa poidan acceder a un primeiro emprego adecuado ao seu nivel de estudos cursados, adquirir experiencia profesional e facilitar a súa futura inserción no mercado laboral.

Ao abeiro deste Plan, a Deputación oferta 33 contratos en prácticas, 19 para graduados e graduadas e 14 para titulados e tituladas en ciclos superiores.

Demandantes de emprego

A selección das persoas candidatas farase entre demandantes de emprego, persoas desempregadas ou con cartón de mellora de emprego que estean inscritas no Servizo Público de Emprego e que cumpran cos requisitos do programa.

Presentada a oferta de emprego levarase a cabo unha preselección das persoas candidatas, a un máximo de 5 por posto, que se remitirá ao Servizo de Recursos Humanos da Deputación, que nomeará a un tribunal cualificador para seleccionar ás beneficiarias destes contratos en prácticas.

O proceso de selección basearase en criterios obxectivos a través dunha valoración dos méritos acreditados polas persoas seleccionadas polo Servizo Público de Emprego.

Expediente académico

Máis polo miúdo, terase en conta o expediente académico, que contará ata un máximo de 4 puntos; o doutoramento relacionado co contido da bolsa, 2 puntos; os títulos de máster universitario oficial ou os títulos propios da Universidade relacionados co contido da bolsa, máximo 1 punto; posuír unha titulación académica oficial distinta e relacionada co posto de traballo a desempeñar, de nivel igual ou superior á esixida para a formalización do contrato en prácticas, 0,5 puntos por título ata un máximo de 1 punto, e a asistencia a cursos de especialización, formación e perfeccionamento organizados por centros oficiais dependentes da Administración do Estado, da comunidade autónoma ou Administración local, universidades, colexios oficiais ou escolas da Administración pública directamente relacionados co posto a desempeñar, ata un máximo de 2 puntos.

Este plan de fomento de empregabilidade estrutúrase en catro programas independentes que son: o teu primeiro emprego na Deputación de Pontevedra, o teu primeiro emprego nos concellos, nas empresas e corporacións sectoriais, e en organizacións sen ánimo de lucro. No caso das outras tres modalidades as bases reguladoras xa foron aprobadas en anteriores Xuntas de Goberno.

También te puede interesar