Galicia Vigo al día

O Goberno de Galicia achega 350.000€ para infraestruturas e do Fondo de Compensación Ambiental a 9 concellos da Área de Vigo

As axudas para a mellora de infraestruturas de servizos municipais e do Fondo de Compensación Ambiental competitivo e non competitivo repartirán 349.594€ en nove concellos da área territorial de Vigo.

O Goberno de Galicia financia ao abeiro destas ordes diferentes actuacións paisaxísticas, medioambientais e de equipamentos nos municipios galegos.

En canto ás subvencións para a creación de e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, resultaron beneficiarios os concellos de Salvaterra, con preto de 9.800€ para a compra de salvaescaleiras para mellorar a accesibilidade no edificio da Casa da Cultura; Baiona, con 25.469,50€ para adquisición de maquinaria deportiva para ximnasio do pavillón municipal; Cangas e Fornelos de Montes, con 40.000 e 10.818€ respectivamente para melloras en sendas casas consistoriais; Redondela e Mos, con 34.993,11 e 28.000€ para a renovación dos parques de Piñeiral e Porteliña; Moaña, con 21.098,29€ para melloras nas redes de luz pública, e Soutomaior, con 28.000€ para melloras nas instalacións deportivas na Montesiña.

En canto á resolución das axudas en concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva do Fondo de Compensación ambiental o investimento total, de 151.420,62€, repártese entre Baiona, con 28.344,77€ para a adquisición dun vehículo eléctrico para a Policía Local; Fornelos de Montes, con 29.999,62€ para saneamento no lugar de Alén e 6.155,35€ para a renovación da traída de augas en Ventín; Gondomar, con 29.947,50€ para a adquisición dun vehículo patrulla para protección do medio ambiente; Redondela, con 29.729,61€ para un proxecto de reforma de instalación de alumeado en Pai Crespo, e Redondela, con 27.243,75€ para a adquisición dun vehículo híbrido para vías e obras.

También te puede interesar