Galicia Vigo al minuto

@bngvigo demanda a apertura de seis novas escolas infantís na cidade

O BNG vén de cualificar de “alarmantes” os datos de admisión provisional nas escolas infantís públicas de Vigo, que recollen que “preto de 2.000 cativos fican nas listas de agarda de Concello e Xunta ao non obteren praza”.

O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, demandou que ambas as dúas administracións actúen con urxencia para alargar a oferta pública co obxectivo de universalizar o acceso á educación infantil de 0 a 3 anos.

7 de cada 10 solicitudes sen praza na quenda de mañá

Igrexas denunciou que “7 de cada 10 solicitudes de praza nas escolas infantís municipais, na quenda de mañá que é a máis demandada por facilitar a conciliación laboral, fican sen ela”, segundo se recolle nos datos publicados de admisión provisional. Especialmente grave é a situación na escola infantil municipal de Navia onde só obtiveron praza o 19% das solicitudes.

O edil do Bloque criticou que nos últimos catro anos non se crease nin unha soa nova praza pública polo Concello e lembrou que as escolas infantís de Navia e Mestre Goldar puideron ser abertas grazas ás emendas aos orzamentos que o voto decisivo do BNG no Pleno impuxera para garantir o financiamento necesario. Na actualidade o Concello só ofrece 307 prazas en horario de mañá para toda a cidade.

Seis novas escolas

Para resolver esta situación e atender “unha necesidade urxente e manifesta”, a fronte nacionalista demanda que o Concello inicie a elaboración dos proxectos para poñer en marcha tres novas escolas infantís municipais nos barrios de Teis, Balaídos e O Calvario. Asemade, esixen que a Xunta acometa un esforzo equivalente abrindo outras tres escolas de titularidade autonómica en Navia,  As Travesas e Bouzas.

También te puede interesar