Comarcas

O Goberno de Galicia licita a mellora de estradas nas comarcas do Morrazo, Deza e Pontevedra por 1,5 millóns

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este mércores na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras de mellora do firme en distintas estradas autonómicas das comarcas do Morrazo, Deza e Pontevedra, cun investimento de máis de 1,5 millón de euros

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 1 de xullo.

Os traballos proxectados levaranse a cabo en varios tramos das estradas CG-4.1, PO-532, PO-533, PO-542, PO-840, PO-905, PO-313, PO-210, PO-211, PO-212, PO-184 e PO-185, ao seu paso polos concellos de Moaña, Cangas, Pontevedra, Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Marín e Silleda.

O proxecto ten por obxecto a rehabilitación de firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios destas estradas.

Máis polo miúdo, na CG-4.1 actuarase no treito final desta vía de alta capacidade do Morrazo, entre os puntos quilométricos 12+100 e 15+000, nos concellos de Moaña e Cangas.

Na estrada PO-532, as obras comprenden o tramo entre a travesía de Pontevedra e a glorieta coa PO-542 en Marcón. Tamén na PO-542, á altura de Marcón, estenderase unha nova capa de rodadura entre os puntos quilómetros 0+020 e 3+200, que coincide na glorieta coa PO-532. Estas intervencións benefician directamente ao Concello de Pontevedra.

Na PO-533, intervirase no treito que vai da travesía de Lalín e a travesía de Rodeiro, ao seu paso por Lalín, Dozón e Rodeiro.

Os traballos de mellora na PO-840 se corresponden co treito final da estrada, na entrada á travesía de Agolada, entre os puntos quilométricos 67+080 e 68+680, neste concello do Deza. E na PO-905, intervirase entre Duxame, puntos quilométricos 7+950, e 9+080 e tamén na zona do embalse de Portodemouros, dende o punto quilométrico 9+900 e ata o 10+900, no concello de Vila de Cruces.

Na estrada PO-313 entre San Tomé de Piñeiro e Broullón, puntos quilométricos 7 e 12, e en Quintela, dende o punto quilométrico 15+900 ata o 16+420, nos concellos de Moaña e Marín.

No concello de Silleda, intervirase na PO-210 entre A Bandeira e a estación de Bandeira, e tamén na PO-211, na parroquia de O Castro, entre os puntos quilométricos 2+320 e 3+500.

Segundo recolle tamén o proxecto que se licita hoxe, as obras inclúen melloras nun tramo antigo da PO-212, á altura da parroquia de Ventosa, no concello de Agolada. Tamén neste concello actuarase na PO-184, no tramo antigo da PO-840 ao seu paso por Berredo, entre os puntos quilométricos 0+400 e 1+680. E ademais intervirase na PO-185, no tramo antigo da PO-840 en Borraxeiros, entre os puntos quilométricos 0+500 e 1+360.

También te puede interesar