Vigo al minuto

@bngvigo esixe ao Goberno galego «a fin do abandono» da cidade

O concelleiro electo do BNG, Xabier P. Igrexas, esixiu «a fin da política de abandono de Vigo» que está a aplicar o Goberno galego. Igrexas dirixiu un escrito ao Delegado Territorial da Xunta en Vigo,urxindo unha rectificación e demandando que se atendan as necesidades da «principal cidade de Galicia».

Pérez Igrexas criticou a dinámica de «confrontación partidista» na que están instalados os gobernos municipal e galego e que está a supor graves prexuízos para as viguesas e os vigueses. «Levamos anos demandando a fin desta lea inútil e hoxe o que lle dicimos a Núñez Feixóo é que o seu enfrontamento con Caballero non pode ser unha coartada para desatender as necesidades da principal cidade de Galicia», explicou. O nacionalista demandou que o Goberno galego «exerza as súas competencias e responsabilidades», lembrando que en Vigo viven máis de «300 mil galegas e galegos».

O futuro edil instou o Partido Popular a «tomar boa nota dos resultados do 26M», asegurando que o desplome electoral sen precedentes dos populares en Vigo supón unha «censura rotunda» ás súas políticas. «8 de cada 10 viguesas e vigueses colleron unha papeleta diferente da do PP e dos seus parceiros do tripartito reaccionario –en alusión a C’s e Vox–», remachou.

«Atender o mandato democrático expresado nas urnas viguesas o pasado 26 de maio, esixe que a Xunta deixe de utilizar a permanente confrontación partidista co actual Goberno municipal, como coartada para non exercer as súas competencias e responsabilidades na principal urbe do noso País.», explicítase na misiva dirixida ao delegado.

20 reivindicacións

O Bloque recolle un total de 20 cuestións urxentes relativas á cidade que precisan dunha viraxe de 180º na posición adoptada pola Xunta. Entre elas que salientan o transporte metropolitano, o instituto de Navia, o centro de saúde de Bouzas, a mellora da Atención Primaria, o aumento de prazas públicas de escolas infantís, residencias de maiores e pisos asistidos. As nacionalistas piden tamén compromisos en infraestruturas como o túnel de Xulián Estevez ou o alargamento do de Beiramar.

Tamén demandan apostar polo desenvolvemento de Peinador, dentro dun sistema aeroportuario galego coordinado, o estudo para poñer en marcha unha rede de tren de proximidade (cercanías) e o reforzo do transporte marítimo de Ría.

Cese do presidente do Porto

O BNG pide de maneira expresa a destitución do actual presidente da  Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, pola súa “nefasta xestión”, e paralizar calquera novo proxecto de recheo na Ría de Vigo. Por derradeiro, requiren unha maior implicación da administración galega na cuestión ambiental, cun Plan de Rexeneración da Ría de Vigo e o apoio ás Comunidades de Montes para recuperar as zonas afectadas polos lumes.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.