Galicia Vigo al minuto

Vigo recibe a 140 especialistas internacionais en ciruxía laparoscópica de cancro de fígado e páncreas

Expertos internacionais en técnicas cirúrxicas minimamente invasivas, estarán dende este xoves en Vigo para tratar a enfermidade metastásica  hepática e o hepatocarcinoma.

140 especialistas (radiólogos, oncólogos, persoal de enfermería e sobre todo cirurxiáns) daranse cita no Hospital Álvaro Cunqueiro para asistir a un simposio no que se falará sobre a actualización das técnicas onco-cirúrxicas para abordar estas patoloxías.

A maioría dos asistentes proveñen de distintos hospitais españois, aínda que tamén haberá especialistas de México, Bulgaria, Perú e unha nutrida representación de Portugal.

O evento está organizado polo servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo, que dirixe a doutora Raquel Sánchez, e a coordinación está a cargo do doutor Sergio Estévez, da Unidade de Cirurxía Hepática do CHUVI, xunto aos doutores Carracedo, Senra e Meléndez. O simposio esta avalado pola Asociación Española de Cirurxiáns.

“Expertos de recoñecido prestixio internacional compartirán as súas experiencias, discutirán casos cos asistentes e explicarán as últimas novidades en técnicas cirúrxicas minimamente invasivas (laparoscópicas) que se empregan neste tipo de intervencións en fígado e  páncreas”, subliña a doutora Raquel Sánchez.

A xornada matinal do simposio terá carácter multidisciplinar para abordar o manexo das dúas enfermidades. Será unha sesión aberta a profesionais implicados no manexo destas técnicas.

Relatores de prestixio

Un dos atractivos da reunión será a presenza do profesor Alain, do Instituto de Cirurxía Guiada por Imaxe de Francia, con sede en Estrasburgo, que presentará os avances de última xeración neste tipo de cirurxías. Trátase dun experto a nivel mundial cunha dilatada experiencia en intervencións e investigación.

Ademais de relatores de hospitais españois nos que se realizan técnicas deste tipo, intervirán tamén expertos de Luxemburgo e de Portugal.

También te puede interesar