Galicia Vigo al minuto

A ‘Autovía do Morrazo’ estará rematada totalmente a finais de xuño

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou este martes os traballos no terceiro tramo da ‘Autovía do Morrazo’, cuxos avances permitirán que os veciños desfruten a finais de xuño da totalidade desta infraestrutura libre de peaxe, cun investimento de 55 millóns de euros.

Ethel Vázquez indicou que as obras no terceiro treito, cun orzamento de máis de 18 millóns de euros, xa se atopan ao 93% de execución, polo que se a meteoroloxía o permite estarán rematadas en poucas semanas, completando así esta autovía de 11 km.

O terceiro tramo da autovía correspóndese cos 3,8 km que van desde o enlace de Meira ata o de Cangas e culminarán esta infraestrutura clave para as comunicacións da área, logo de que hai un ano se puxeron en servizo os 7 primeiros km entre Rande e Meira.

Na actualidade estase a realizar a proba de carga no viaduto da Fraga, a estrutura máis singular do treito, con máis de 300 metros de lonxitude e 9 vanos. Esta actuación consiste en colocar peso en distintas posicións para someter a ponte a diferentes tensións que permitan medir a súa resistencia e comprobar que responde segundo os cálculos dos técnicos.

A conselleira explicou que tras esta proba se continuará traballando a ritmo intenso para culminar a infraestrutura e cumprir o cronograma. Para iso, precisou que a día de hoxe están traballando uns 55 operarios e 20 vehículos pesados.

Concretou que xa están rematadas todas as estruturas, o viaduto da Fraga e os pasos superiores e inferiores existentes e restan unicamente as varandas de protección. Tamén está avanzado o firme e só falta a capa de rodadura, que se comezará a estender na primeira semana de xuño, se o tempo o permite.

Ademais estanse a ultimar detalles como a colocación dos separadores da mediana, as beiravías, cerramentos e a sinalización.

También te puede interesar