Comarcas

@AsNevesConcello estrea a mellora da estrada que cruza o Ravelo logo de que @depo_es rematase as obras

A estrada que cruza o barrio do Ravelo en As Neves loce xa a súa nova imaxe unha vez que o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra rematou as obras de mellora da mobilidade peonil e seguranza viaria.

Nos últimos días a empresa adxudicataria dos traballos terminou de estender o ‘slurry’ da nova senda peonil, instalar a sinalización vertical, pintar as marcas horizontais e realizar os últimos arranxos puntuais.

O treito vello da estrada provincial que cruza o barrio de O Ravelo na parroquia de Tortoreos (EP-4006) conta agora cunha mellora que permitirá que a veciñanza transite camiñando pola nova senda peonil da que dispón a vía, de 800 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, sen o perigo de ir pola calzada como ocorría anteriormente. De feito, eran moitos os alumnos e alumnas que camiñaban cara aos centros de ensino de formación profesional da zona.

O novo proxecto aproveitou a sección actual da vía e tamén as beiravías para deixar a mencionada senda e un carril de circulación con dirección única consensuada coa veciñanza. Instaláronse tamén medidas de calmado de tráfico: pasos de peóns sobreelevados e tamén redutores de velocidade físicos para os vehículos que obrigarán a frear aos condutores.

Unha vez rematada a obra, iniciaranse os trámites para a transferencia da titularidade da estrada da Deputación ao Concello.

También te puede interesar