Comarcas

Dende o 1 de xuño haberá consulta pediátrica en Mondariz, tamén para os cativos de Covelo

Os nenos e nenas dos concellos de Mondariz e de Covelo terán a súa consulta de pediatría no centro de saúde de Mondariz a partir do próximo 1 de xuño.

É a decisión que adoptou a dirección da área sanitaria de Vigo e que evitará á poboación infantil destes dous concellos ter que desprazarse ata Ponteareas como o veñen facendo na actualidade.

A consulta estará aberta tres días á semana no centro de saúde de Mondariz e será atendida polo pediatra que viña realizando esta prestación en Ponteareas, onde estaba centralizada a totalidade da atención da comarca.

“Coa nova medida dótase de estabilidade á consulta de Pediatría no centro de saúde de Mondariz e garántese a continuidade asistencial xa que o especialista xa coñece aos seus pacientes”, sinalan dende a Xerencia da Área Sanitaria viguesa.

O concello de Mondariz ten unha poboación de 461 menores en idade pediátrica. O de Covelo conta con 124 habitantes con menos de 15 anos.

A consulta de Pediatría houbo de centralizarse en Ponteareas cando o pediatra que prestaba os seus servizos no centro de saúde de Mondariz causou baixa temporal e  non puido ser substituído ao non existir especialistas dispoñibles para a súa contratación.

También te puede interesar