Galicia

@Xunta podería expedir carnés de ‘guías autorizados’ polo Parque das Illas Atlánticas para acabar co intrusismo laboral

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo con membros da Asociación de guías acreditados do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Agaias), aos que trasladou o compromiso de analizar a expedición de carnés nos que se recoñeza a condición de guía autorizado do Parque Nacional.

Esta é unha das demandas do colectivo, que denuncian a situación de competencia desleal e intrusismo laboral.

Belén do Campo lembrou que a Xunta organiza cursos de formación, polo que as Illas Atlánticas consolídanse como o parque nacional do Estado que cada ano forma a un maior número de guías especializados. Salientou que o Plan Reitor de Usos e Xestión, aprobado recentemente, e o Plan Director da Rede de Parques Nacionais indican a necesidade de superar un curso de formación para poder exercer como guía autorizado no Parque.

Salientou que estas actividades formativas para acreditarse como guías do parque nacional e poder traballar tanto para a administración como para empresas privadas do sector turístico, náutico e ambiental, impártense en Galicia desde o ano 2005 e encádranse na aposta da Consellería de Medio Ambiente por potenciar o chamado ecoturismo.

Nese sentido, indicou que o carné identificador é unha boa maneira de ter un punto diferenciador con todas as persoas que exercen o labor de guía no Parque Nacional, ao tempo que resulta unha ferramenta útil para ter un seguimento de guías formados e que realizan este traballo no sector público e privado.

También te puede interesar