Galicia

A xustiza obriga á Xunta a rcoñecer coma traballado o período no que unha interina foi chamada durante o tempo de descanso por maternidade

A sección primeira da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) recoñeza como traballado, para os efectos administrativos, o período de tempo durante o cal foi chamada para traballar unha muller de baixa por maternidade que estaba incluída nas listas temporais da categoría de ATS/ DUE.

O alto tribunal revogou a sentenza ditada en novembro de 2018 por un Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña e acolleu parcialmente o recurso interposto pola demandante.

É un “período de descanso”

“A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que é un período de descanso que se goza por tal situación”, indica o TSXG na resolución.

A sala subliña que “a discriminación existe”, pois destaca que “eliminada a situación de maternidade os servizos prestáronse e, polo tanto, deben recoñecerse como tales aínda que non se poidan prestar por atoparse a traballadora nunha situación que está protexida pola lei”.

A sala indica na resolución que o recoñecemento debe quedar limitado ao período de tempo para o que a traballadora é chamada das listas, é dicir, “o comprendido desde a data de chamamento, o día 27 de xaneiro de 2017, ata o día 3 de abril de 2017, en que se formalizou o contrato despois da baixa de maternidade”.

O período anterior, desde o 26 de decembro de 2016, día seguinte á finalización do contrato, ata o 27 de xaneiro de 2017, data na que se produciu o chamamento, “non se pode recoñecer para os efectos pretendidos, pois implicaría privilexiar a apelante en relación cos demais integrantes das listas de vinculacións temporais”.

También te puede interesar