Comarcas

O Alcalde das Neves acusa ao PP local de “mentir e utilizar miserabelmente os lumes de 2017 por intereses electorais”

Á vista das acusacións difundidas polos responsábeis do Partido Popular das Neves sobre as axudas  recibidas polos incendios, Xosé Manuel Rodríguez Méndez quere deixar claro que asume, “persoalmente, coma alcalde de As Neves”, todas e cada unha das xestións impulsadas para paliar os danos causados polo lume.

As contas son públicas dende hai anos

O alcalde subliña que “cada céntimo recibido para axudar aos veciños das Neves que sufriron danos polos incendios está fiscalizado polo Concello e, por suposto a disposición dos cidadáns e dos medios de comunicación aos que lles facilitamos as contas pormenorizadas”. 

Rodríguez Méndez denuncia e rexeita a actitude “miserenta” dos dirixentes locais do PP:  “menten e saben que menten” e o fan a dúas semanas dunhas Eleccións Municipais coa única finalidade ruín de rabuñar algún voto.

Proba desta intención, salienta Xosé Manuel Rodríguez, é que “a conta da que falan os dirixentes do Partido Popular está aberta dende 2017, é pública e tiveron a ocasión de estudala, analizala e pedir todas as explicacións e aclaracións que estimasen, e nestes case dous anos non o fixeron”.

“Os responsábeis do Partido Popular das Neves non pestanean, sen ter en conta nin a quen  representan, e pensando so nos seus intereses electorais, en causar dano á reputación de veciñas e veciños seus que traballaron desinteresadamente e que, de xeito solidario e desprendido, non dubidaron en socorrer a aqueles que o precisaron”.

Os responsábeis do PP das Neves “nunca” axudaron aos veciños

O alcalde das Neves lembra que “nin durante nin despois dos incendios as veciñas e veciños tiveron a axuda ou coma mínimo a comprensión do Partido Popular local e dos seus responsábeis”.

“Como todos vimos entón, cando nos rodeaban as lapas, e xa pasado o fogo”, ningún deles colaborou, en ningunha circunstancia, en ningunha acción ou actividade que tivese coma finalidade paliar os efectos que o lume causou na vila e aos seus habitantes.

“Nin unha soa vez moveron un dedo ou amosaron, sequera, interese por asistir ou cooperar, nin para coller unha pa cando se plantaron máis de 10.000 árbores para repoboar os montes do concello“.

También te puede interesar