Galicia

@depo_es acomete a construción dunha nova glorieta para rematar coa inseguranza na EP-3101, en Tomiño

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra afrontará a “situación de  inseguranza viaria” que existe na intersección da estrada provincial EP-3101 no lugar de Cristelos dentro do oncello de Tomiño.

Para acabar con este problema, sinala o deputado Uxío Benítez, acometerase a construción dunha nova glorieta. A actuación inclúe non só unha rotonda para regular o tráfico, senón tamén a instalación de elementos redutores de velocidade, a delimitación dunha zona de circulación peonil e unha nova parada de autobús, así como novos servizos de alumeado e drenaxe.

O proxecto aprobado pola Deputación inclúe unha ampliación da calzada para a instalación da rotonda no punto quilométrico 3+780, onde será preciso un pequeno desmonte.

A nova intersección resolverase cunha nova ronda de diámetro exterior de 28 metros e dous carrís de catro metros cada un. Disporase de áreas peonís na nova parada de bus con espazos de sección media útil de 2,5 metros e crearase unha nova rede de alumeado público con 10 unidades de iluminación led, catro delas nunha columna no anel interior da nova glorieta.

O orzamento para esta actuación é de 131.441,31 euros, se ben existe unha proposta de adxudicación que será aprobada na vindeira mesa de contratación que rebaixa substancialmente a licitación ata os 108.964,8 euros”.

A intención é que a formalización do contrato se realice nas vindeiras semanas, polo que o inicio da obra quedará para principios de verán.

También te puede interesar