Galicia

@HannesStohr protagonista da primeira retrospectiva internacional do @festivaldecans

O realizador alemán Hannes Stöhr asistirá ao Festival de Cans, que se celebra do 22 ao 25 de maio, para protagonizar a primeira retrospectiva internacional da historia do certame. A súa presenza subliña a liña de internacionalización que centra esta 16ª edición, unha nova vía na que visibilizar o traballo de directoras e directores ligados a Galicia procedentes doutros lugares do mundo, sen deixar nunca de lado ás creadoras e creadores do país, protagonistas das seccións competitivas e parte fundamental do Festival de Cans.

A panorámica dedicada ao director Hannes Stöhr (Stuttgart, 1970) achegará a Cans as catro longametraxes que compoñen a súa filmografía ata a data. Formado na Deutsche Film- und Fernsehakademie de Berlín, Stöhr viaxou por todo o mundo para aprender idiomas.

Unha das súas paradas foi Santiago de Compostela, onde conectou a principios dos anos noventa coa escena que tiña como epicentro a desaparecida Sala Nasa. Alí establecería amizades con actores e actrices como Miguel de Lira, Luis Tosar e Blanca Cendán (que máis tarde formarían parte do elenco na película Galatasaray-Dépor) e directores como Jorge Coira.

As súas películas, que se poderán ver na Sala Ingrávida do Porriño nos días previos ao certame e durante o propio Festival de Cans, están moi marcadas pola temática social, con doses intelixentes de comedia e uns personaxes que se definen polo pouso underground e a influencia inevitable do cosmopolitismo de Berlín, cidade que aparece nos seus filmes coma un personaxe máis.

También te puede interesar