Galicia Vigo al minuto

@primaveradocine presenta como parte da súa programación ‘O Método Morris’

Antonio Durán ‘Morris’ é sen dúbida un dos actores máis recoñecidos e recoñecibles dentro do mundo da interpretación en Galicia. Son moitos os que o lembran dos seus papeis en series tan populares como  Pratos Combinados (1995 – 2006) ou Padre Casares (2008 – 2015), pero é máis, moito máis. Ao longo dos seus máis de 30 anos de experiencia interpretativa, Morris participou en máis de 25 longametraxes, máis de 20 obras de teatro, centos de capítulos en series de televisión dentro e fóra de Galicia (Fariña, El ministerio del Tiempo, O final do Camiño, Los Serrano…) e estivo nomeado ata en 17 ocasións aos Premios Mestre  Mateo nos que conseguiu 5 figuras.

Toda esa experiencia é a que pretende ofrecer nunha charla de interpretación moi especial que levará a cabo o sábado 4 de maio de 11.00 a 13.00 no Auditorio do  Concello como parte das actividades do Festival Primavera do Cine, que comeza coa sección oficial o 30 de abril e remata o 5 de maio.

O nome escollido é: O método Morris e ao longo de dúas horas, o actor tentará desentrañar os segredos do que el mesmo chama “actuación autodidacta”, unha forma totalmente orixinal e xenuína de involucrarse en cada personaxe ata facelo seu, creado tras máis de tres décadas vinculado á interpretación. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu dende dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.

Todos os interesados en acudir ao seminario-charla do sábado 4 de maio, poden inscribirse a través da web por tan só 10 €.

También te puede interesar