Galicia

Convocada folga indefinida no transporte de Residuos Sólidos Urbanos de SOGAMA

Membros do comité de folga de Transportes Pacholo S.L., empresa que realiza o transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), veñen de rexistrar a convocatoria de folga indefinida que se desenvolverá a partir do vindeiro día 15 de abril.

Esta convocatoria foi aprobada nunha concorrida asemblea de traballadores por 60 votos a favor e ningún en contra. O persoal de Transportes Pacholo leva meses denunciando o “acoso laboral” ao que é sometido pola empresa que vén de despedir, como resposta ás súas denuncias, a 8 compañeiros. Como acto previo ao inicio da folga, este martes, día 9 de abril, concentraranse no quilómetro 27 da N-550, entre Ordes e Cerceda.

Responsabilidade de Copasa, Sogama e o PP

A FGAMT-CIG e o persoal denuncian que esta non é unha decisión de Transportes Pacholo, senón que “os culpables están máis arriba”. Sinalan en concreto a COPASA, SOGAMA e “ao propio Partido Popular que foi quen deseñou un modelo de subcontratas que precariza as condicións laborais a costa dun peor servizo para repartirse os beneficios. Son eses verdadeiros responsables quen se situaron na nosa diana de aquí en diante”, advirten.

Dende a central sindical lembran que hai tres anos SOGAMA entregou a concesión de transporte dos contedenedores de RSU a unha UTE formada por COPASA, RENFE e LOGIRAIL “no que foi o contrato público máis elevado na pasada lexislatura do goberno de Núñez Feijoo, con 140 millóns de euros”.

Desde o primeiro día esta UTE subcontratou o servizo a unha empresa do Carballiño, Transportes Pacholo SL, “sen experiencia no transporte de RSU e que nese momento se atopaba en concurso de acreedores”.

También te puede interesar