Galicia Vigo al minuto

Os especialistas da Área Sanitaria de Vigo teñen en seguimento a 620 pacientes con Esclerose Múltiple

A Unidade de Esclerose Múltiple do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) mentén en seguimento activo -con consultas periódicas para comprobar a evolución da enfermidade-a 620 pacientes.

10 casos diagnosticados no que vai de 2019

A prevaleza da Esclerose Múltiple está a medrar sen que se detectase hate agora un motivo concreto para este incremento. Só na área sanitaria de Vigo diagnosticáronse 10 novos casos no que vai de ano, unha cifra considerada “alta” polos profesionais sanitarios que atenden a estes pacientes.

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) conta cunha unidade específica para o tratamento dos pacientes afectados por esta patoloxía que depende do servizo de Neuroloxía.  Está integrada por tres facultativas especialistas e por un enfermeiro.

Afecta a persoas novas, especialmente mulleres

A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade dexenerativa do Sistema Nervioso Central que afecta o cerebro e á medula  espinal. É de causa descoñecida e non ten cura. Os tratamentos diríxense a mellorar o estado do paciente e a controlar a enfermidade.

Normalmente presenta síntomas nas persoas novas, sobre todo na franxa de idade comprendida entre os 30 e os 40 anos, e é unha das principais causas de incapacidade na poboación en esas idades.

“A incidencia desta patoloxía é maior entre as mulleres. De feito por cada home que a padece hai tres ou catro mulleres enfermas”, explica a doutora Marta Aguado, da Unidade de Esclerose Múltiple do CHUVI.

Síntomas

Os síntomas desta enfermidade son moi variables e dependen de cada persoa. Ata o extremo de que se fala de “a enfermidade das mil caras” para referirse á Esclerose Múltiple.

Dor, fatiga, diminución da percepción sensorial ou inestabilidade son algúns dos síntomas máis comúns.

Pese a non ter cura, a doutora Aguado considera que “cada vez hai máis medicamentos que se empregan no tratamento dos pacientes con  EM e que controlan mellor o curso da enfermidade”.

Xornada aberta este mércores

Por ese motivo a Unidade de Esclerose Múltiple do CHUVI organiza unha xornada aberta orientada a divulgar a situación actual e os avances no manexo terapéutico da enfermidade. Unhas sesións que se encadran dentro da campaña “ME interesa”, que se desenvolve a nivel nacional. Na mesma intervirán os catro integrantes da Unidade

Será este mércores, 3 de abril a partir das 17 horas no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro e á mesma poderán asistir tanto pacientes como asociacións, estudantes e profesionais dos ámbitos da neuroloxía, fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía e traballo social.

A doutora Marta Augado será a encargada de abrir a xornada cunha revisión histórica da evolución da enfermidade.

Posteriormente a doutora Elena Álvarez falará sobre a Esclerose Múltiple e a muller, tanto desde o punto de vista da incidencia no embarazo como na fertilidade.

A doutora Inés González, tamén membro da Unidade, abordará as “necesidades non cubertas” nos pacientes con  EM desde a perspectiva clínica pero tamén da social polas limitacións que xera para o paciente no mundo laboral e para os seus familiares no día a día.

A xornada, na que colabora a asociación de pacientes AVEMPO, terminará coa disertación do enfermeiro da Unidade, César Sánchez, sobre a adherencia ao tratamento dos pacientes.

You may also like