Destacados Vigo al día

A Mesa pola Normalización inicia unha campaña contra a suposta “imposición” do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística comezou este luns unha campaña de denuncia contra a suposta “imposición” do galego.

A través de cartaces que se repartirán polas diferentes localidades de Galicia e mais nas redes sociais, o organismo de defensa dos dereitos lingüísticos recorda que “o ensino infantil en galego nas cidades non supera o 8%, que non hai máis dun 0,6% de xoguetes en galego e que o 22,7% das nenas e nenos galegos de 5 a 14 anos non saben falar na súa propia lingua”.

A esto súmase que non existen diarios impresos en galego, só o 4% das canles de televisión que recibe a cidadanía galega recollen a súa lingua, as sentenzas en galego supoñen un 5% do total e as pólizas de seguro en galego, un 1%.

O portavoz da Mesa, Marcos Maceira, lembra que estes son só algúns dos centos de datos que, en todos os sectores, evidencian a ausencia absoluta de liberdade para o uso do galego por falta de dispoñibilidade. “Unha clara inferioridade de condicións que impide vivir en galego con toda normalidade”, asegura, “en igualdade e liberdade”.

Esta situación de desigualdade no Estado conta co amparo de máis de 500 disposicións legais que obrigan á presenza do castelán, sen sequera ter en conta a existencia do galego. “Os datos demostran”, conclúe Maceira, “que o discurso da imposición tan utilizado polo Partido Popular só agocha a vontade de reducir a cero a xa precaria presenza do galego como tamén demostra a vontade de prohibir o coñecemento do galego no acceso ao funcionariado autonómico manifestada publicamente polos líderes estatais do PP”.

También te puede interesar