A Xunta será socia no proxecto europeo ‘Lindanet’, un programa de cooperación que pretende crear unha Rede europea de rexións con presenza de lindano.
A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de coñecer a decisión da Unión Europea de cofinanciar este programa Interreg Europe, ao 85%, que terá unha duración de tres anos e medio e un orzamento de 1,5 millóns de euros.
O obxecto deste proxecto é crear unha rede de rexións afectadas por lindano para o intercambio de experiencias e coñecementos, co fin de establecer un plan de acción enfocado a acadar a descontaminación das zonas nas que se empregou esta sustancia (lindano HCH) e mellorar así as zonas contaminadas.
Esta iniciativa estará liderada polo Goberno de Aragón, a través do Departamento de Desenvolvemento Rural e Sostibilidade, e contará coa participación de seis socios europeos doutras rexións nas que se ten detectado a presenza deste material, como a República Checa, Holanda, Italia, Polonia e Alemaña.
Este proxecto, no que Galicia exercerá como socia, é un das 74 iniciativas que obtén fondos da cuarta convocatoria do programa de colaboración Interreg Europe, ao que se presentaron 170 solicitudes.
A participación de Galicia nesta iniciativa súmase ás medidas postas en marcha pola Xunta para avanzar na descontaminación das zonas afectadas en Galicia por este praguicida, como por exemplo a candidatura presentada á convocatoria de axudas europeas LIFE cun proxecto para mapear e tratar os solos periurbanos contaminados por residuos de lindano.
Asemade, Medio Ambiente licitou por 500.000€ un estudo sobre a zona máis afectada pola presenza deste material e contactou co Goberno do Estado para pedirlle a súa colaboración e apoio económico nas tarefas para localizar, cuantificar e proceder á retirada do lindano, tal e como está a facer no Goberno de Aragón, onde tamén se ten detectado a presenza desta substancia.