Ciencia y Tecnología Cultura

A Área Sanitaria de Vigo inviste 7,4 millóns na compra de marcapasos e desfibriladores

A área sanitaria de Vigo investirá 7,4 millóns de euros na adquisición de marcapasos e desfibriladores para o servizo de  Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario (CHUVI). Os dispositivos destinaranse á Unidade de Arritmias do  CHUVI, encargada da súa implantación.

O servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo coloca ao ano ao redor de 400 marcapasos e algo máis de 90 desfibriladores.

Para a realización das intervencións a Unidade de Arritmias dispón no Hospital Álvaro Cunqueiro de dúas salas de Electrofisioloxía, cun importante volume de actividade de implantación de marcapasos, desfibriladores e holters.

A mencionada Unidade recibiu, o pasado mes de setembro, unha acreditación nacional da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) polo proceso de “Seguimento de Dispositivos de Estimulación Cardíaca”, en recoñecemento ao cumprimento dos estándares de calidade. A citada acreditación “SEC Excelente” foi outorgada a unha decena de hospitais en España, entre os que está o Álvaro Cunqueiro.

As arritmias cardíacas supoñen unha alteración do ritmo cardíaco e son patoloxías moi  prevalentes. De feito, a máis frecuente, a  fibrilación  auricular, afecta a entre un 3 e un 4% da poboación da área sanitaria de Vigo.

A Unidade de Arritmias do Álvaro Cunqueiro está composta por un equipo de catro  electrofisiólogos, cinco profesionais de enfermaría e dúas TCAEs, que traballan cos últimos avances tecnolóxicos en tratamentos cardíacos.

Esta Unidade foi das primeiras en España e a primeira de Galicia na implantación de dispositivos sen cables no ventrículo dereito e de desfibriladores bicamerais (na  aurícula e no  ventrículo).

You may also like