'Qué te cuentas?' Cultura

#CarlosBlanco Premio Pedigree 2019 do @festivaldecans

A Asociación Arela, organizadora do Festival de Cans, decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2019, o seu máximo galardón honorífico, ao actor Carlos Blanco, “pola súa traxectoria de case tres décadas no mundo da interpretación, e pola súa disposición sempre para traballar con creadores e creadoras novos e, sobre todo, con curtametraxistas”.

Ademais disto e da súa ampla traxectoria, o Festival entregaralle este galardón a Carlos Blanco pola súa labor como cidadán crítico e persoa comprometida coa sociedade.

Chimpíns de Prata

Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz e presentadora Neves Rodríguez, que acude ano tras ano ao festival e o dá a coñecer sempre que ten ocasión, e aos veciños Paz Acuña e Rafa González, propietarios da casa que acolle a todos os convidados e convidadas do festival no seu Día Grande e un dos nosos anfitrións máis imprescindibles.

A casa de Paz e Rafa é cada ano o punto de partida da nosa procesión de chimpíns e, ademais, teñen no seu garaxa un pequeno museo con fotografías da historia do Festival.

Recoñecemento á xornalista Pilar Comesaña

Como novidade, o Festival de Cans crea este ano un novo galardón para recoñecer o traballo de profesionais da comunicación destacados pola súa contribución dando a coñecer o traballo do festival. Este Chimpín de Prata levará o nome da nosa veciña Divina Campos, pintora, pandereteira, narradora oral e entusiasta do festival falecida este ano aos 86 anos.

O Festival quere recoñecer con este Chimpín de Prata “Premio Divina Campos” o traballo da xornalista Pilar Comesaña, unha das grandes referencias da información de cine en Galicia ao adicarse durante máis de tres décadas ao xornalismo cultural. Para o Festival de Cans, Pilar simboliza o traballo serio e comprometido con creadoras e creadores, sobre todo cos máis novos que están comezando, sempre cun traballo moi rigoroso dende detrás das cámaras.

O festival do 22 ao 25 de maio

Todos eles recollerán o seu premio durante a celebración do Festival, que terá lugar do 22 ao 25 de maio. Farano concretamente na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 24 no Torreiro de Cans, nun acto que rematará coa colocación de estrela de Carlos Blanco. Deste xeito o actor compartirá espazo no célebre “Torreiro das Estrelas” xunto a personalidades do audiovisual galego como: Antón Reixa, Antonio Durán “Morris”, Mabel Rivera, Javier Gutiérrez, Luis Tosar, María Pujalte ou Chelo Loureiro.

You may also like