Vigo al minuto

A Unidade de Hospitalización a Domicilio de Vigo atende a 650 pacientes nas súas casas

Trátase de pacientes con varias patoloxías, incluidos aqueles con necesidades paliativas, oncolóxicos ou non

A Unidade de Hospitalización a Domicilio da Área Sanitaria de Vigo atende anualmente a 650 pacientes nas súas casas.  Na actualidade segue a ser a única de Galicia que da cobertura á totalidade dos municipios da área sanitaria de Vigo.

Presta asistencia a pacientes que, polas súas características ou polas doenzas que padecen e o estado avanzado da súa enfermidade, necesitarían ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios subministran os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional. Se tratan pacientes con calquera patoloxía, incluídos enfermos con necesidades paliativas, oncolóxicos ou non.

HADO dispón de 5 equipos formados por un médico e unha enfermeira.  Na actualidade, tres deses equipos traballan en quenda de mañá e os dous restantes fano polas tardes. A base de operacións está no Hospital Álvaro Cunqueiro, dependencias próximas ás de Urxencias.

Todos os facultativos dos equipos móbiles de HADO dispoñen da súa especialidade  MIR, ademais de masters en coidados paliativos. O mesmo ocorre co persoal de enfermaría, que se despraza nas distintas unidades.

“Chegamos a todos os concellos e contamos con excelentes profesionais totalmente cualificados para o gran labor que desempeñan a diario”, subliña o doutor Luís Amador, coordinador da Unidade.

También te puede interesar