O comité de empresa de Bosch, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, convoca unha folga de 24 horas o vindeiro mércores 27 para rexeitar o ERE temporal para 540 traballadores que se está a aplicar dende o pasado mes de febreiro. O cadro de persoal aproveitará a xornada para desenvolver concentracións diante das instalacións da empresa na cidade.
Dende a representación sindical lembran que a empresa vén de aplicar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afectará a case 600 traballadores e despediu a 200 persoas contratadas por ETT.
“Ademais, en febreiro comezou a aplicar o ERE temporal tras un período de consultas no que a documentación entregada foi insuficiente e no que nunca tivo ningún interese en chegar a ningún tipo de acordo, xa que o único obxectivo foi o de trasladar ao conxunto das traballadores todas as consecuencias económicas das súas malas xestións”, denuncian.
Coincidindo coa xornada de paro, desenvolverán concentracións diante dos centros de traballo da Avenida de Madrid 183 (de 11:30 a 12:30 horas) e da rúa María Berdiales 20 (de 13:15 a 14:15 horas) como as que están a levar a cabo na actualidade no marco do calendario de mobilizacións deseñado para rexeitar o ERTE