Cultura Vigo al minuto

Vigo recibe dous espectáculos de contos para nenos do Festival Atlántica

Os cativos de Vigo van ter a oportunidade de gozar coas historias da canaria Laura Escuela e do xaponés Yoshi Hioki os días 14 e 16 de marzo, respectivamente. Ambos os dous narradores actuarán na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel dentro da programación da sétima edición do Festival Atlántica que chega á cidade por mor da colaboración coa Xunta de Galicia. A entrada é con invitación gratuíta, que xa é posible retirar na propia biblioteca.

Para a cita do xoves, que comezará ás 6 da tarde, Laura Escuela vai ofrecer unha sesión de ‘Bebecontos’, un espectáculo dirixido a nenos entre 1 e 3 anos. Trátase dunha sesión de contos, poemas e cancións acompañadas de instrumentos musicais (ukelele, campás e instrumentos de pequena percusión), obxectos e libros.

No que respecta ao sábado 16 de marzo, a partir das 12 horas Yoshi Hioki vai optar polos ‘Contos populares de Xapón’, unha escolma de historias do afastado oriente para nenos de 3 anos en adiante. As tramas destes contos van desde campesiños dos arrozais a nobres da corte imperial, de animais e monstros, de dragóns e bolboretas, mesturando sempre a poesía e a picaresca. Os pequenos poderán comprobar a habilidade do artista xaponés para ‘pintar’ as historias e os costumes do seu país con humor e sensibilidade.

Te podría interesar