'Qué te cuentas?' Galicia

@Xunta convoca este luns as oposicións para cubrir 269 prazas no Servizo de Incendios Forestais

A Xunta convocará este luns, día 4, no Diario Oficial de Galicia (DOG) as oposicións para cubrir 269 prazas no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Son as primeiras probas que se celebran para este servizo desde o ano 2006. A Xunta realizará convocatorias para tres categorías distintas: 114 prazas de bombeiro forestal, 80 prazas de bombeiro forestal-condutor de motobomba, e 75 prazas de emisoristas-vixiantes.

O proceso selectivo realizarase a través do sistema de concurso-oposición, polo que se terán en conta os méritos de cada persoa, e a titulación académica requirida para poder participar nestas oposicións será o título de ESO ou equivalente. Ademais, as persoas que aspiren a unha praza de bombeiro forestal-condutor motobomba deberán ter o carné de conducir C e B; e para unha praza de bombeiro forestal é preciso o carné de conducir B.

Do total das prazas convocadas, reservaranse cinco para ser cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33%, e se quedan desertas tamén se acumularán ás de acceso xeral. En todo caso, os participantes deberán ter cumpridos os 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo terán que facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala. O prazo para formalizar as solicitudes será de 20 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte á convocatoria no DOG.

Tipo de probas

O concurso-oposición constará de dúas probas e unha terceira para evidenciar o coñecemento da lingua galega, e da que quedarán exentas de realizala aquelas persoas que acrediten estar en posesión do certificado Celga 3 ou equivalente. Todos estes exercicios serán eliminatorios e obrigatorios.

O primeiro exercicio consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 80 preguntas tipo test, e a realización deste exercicio non terá lugar antes dos sete meses posteriores a data de publicación desta convocatoria no DOG.

O segundo exercicio, no caso das especialidades de bombeiro forestal-condutor motobomba e bombeiro forestal, consistirá na realización da proba física ‘Field Test’, na que as persoas aspirantes terán que camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 quilogramos ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos. Na especialidade de emisorista-vixilante, este segundo exercicio consistirá na superación dunha proba na que se examinará a agudeza visual lonxana en ambos os dous ollos, así como da visión cromática.

You may also like