Comarcas

@AsNevesConcello e @depo_es rematarán en días as melloras nas estradas do Ravelo e Santa Marta de Ribarteme

As estradas provinciais que cruzan o barrio do Ravelo e chegan á igrexa de Santa Marta de Ribarteme en As Neves estrearán a súa nova imaxe en Semana Santa. Así o comprobaron o deputado provincial de de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, logo de realizar unha visita de supervisión ás dúas actuacións, que suman un investimento total de preto de 300.000€.

O alcalde e o deputado provincial constataron que ambos proxectos teñen un estado de execución moi adiantado con respecto ao oficialmente previsto, polo que poderán estar terminados nas próximas semanas.

Mellora da Mobilidade Peonil

No caso da estrada provincial que cruza o barrio de O Ravelo na parroquia de Tortoreos ( EP-4006) as obras consisten na mellora do treito vello da estrada provincial co fin de, salientou o alcalde, “fomentar a mobilidade peonil e aumentar a seguranza viaria”. 

A estrada redeseñarase para reconverter a sección actual da vía e as cunetas nunha sección cunha senda peonil de 2,5 metros de ancho e un carril de circulación. Instalaranse medidas de calmado de tráfico: pasos de peóns sobreelevados e tamén redutores de velocidade físicos para os vehículos que obrigarán a frear aos condutores, ademais de facilitar o desprazamento camiñando aos moitos alumnos e alumnas cara aos centros de ensino de formación profesional da zona.

Espazo seguro e accesíbel

Na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme, a actuación circunscríbese a preto de 2.000 metros cadrados da  estrada provincial EP-4201 entre Setados-Ribarteme-Vide diante da construción relixiosa, co obxectivo de comprenderá “crear un espazo atractivo, seguro e accesible, potenciando actividades e poñendo en valor a arquitectura do edificio parroquial e o propio espazo público”.

O proxecto denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme’ tivo un orzamento de licitación de 191.760,92€ e pretende poñer en valor dun xeito sensible o espazo e o elemento protexido cunha praza frontal á igrexa pavimentada con lastros e bandas de pedra e pavimentos de formigón coloreado nas zonas anexas á vía.

You may also like